O pasado mércores, o Grupo Municipal Socialista (GMS), conseguiu a aprobación unánime dunha moción para esixir á Xunta de Galicia melloras no servizo de transporte público na Guarda, unha demanda amplamente reclamada pola veciñanza.
A moción, presentada polo Grupo Municipal Socialista, tras numerosas queixas recollidas nos últimos meses, insta ao alcalde «a deixar de mirar cara outro lado, e abordar o problema directamente co responsable da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia«, demandando solucións inmediatas «ante as graves deficiencias da actual concesión xestionada pola empresa Lugove».
O Grupo Socialista da Guarda asegura que desde a súa implantación a finais de 2020, «este servizo revelou múltiples carencias»:
- Redución de paradas.
- Frecuencias insuficientes, especialmente en horas punta.
- Autobuses saturados que deixan usuarios nas paradas sen alternativa de transporte.
Afirman os socialistas que estas deficiencias afectan especialmente aos «colectivos máis vulnerables«, como estudantes, persoas maiores que necesitan acceder aos hospitais de referencia (Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro), e traballadoress que dependen deste medio para os seus desprazamentos. «A situación é tan grave que, en moitas ocasións, os usuarios vense obrigados a recorrer a taxis como única opción para chegar aos seus destinos», matizan.
Na moción aprobada, solicitouse:
- Que o goberno local traslade á Xunta a urxencia de mellorar o servizo de transporte público.
- Que se adapten horarios e se reforcen frecuencias para cubrir as necesidades reais da veciñanza.
- Que se esixa á empresa adxudicataria o cumprimento rigoroso das condicións pactadas e se realice un seguimento eficaz.
Insisten en que un transporte público eficiente «non só mellora a calidade de vida da cidadanía senón que tamén garante a igualdade de acceso a servizos esenciais, como a educación e a sanidade, e contribúe á sostibilidade».
«Desde o GMS reiteramos o noso compromiso en esixir unha solución inmediata e efectiva para que A Guarda dispoña dun transporte público digno e acorde coas súas necesidades», rematan.