ALFREDO

A Deputación de Pontevedra apagará este sábado 23 de marzo todas as luces do Pazo Provincial, do Edificio Administrativo e da súa sede de Vigo entre as 20:30 a 21:30 horas, con motivo da “Hora do Planeta”. Trátase dunha iniciativa da organización WWF que este ano ten como lema “Apaga a luz e dálle unha hora ao planeta”.

A “Hora do Planeta” é unha campaña para que entidades, cidadáns e empresas apaguen as luces durante unha hora co fin de concienciar sobre a necesidade do aforro enerxético e a importancia de preservar o medio ambiente. Naceu en Sidney en 2007 e chegou ata 200 países. En España adoitan sumarse a esta iniciativa, todos os anos, máis de trescentas entidades locais e un centenar de empresas.

Máis alá do xesto de apagar as luces durante sesenta minutos, a “Hora do Planeta” trátase dunha das iniciativas medioambientais de maior alcance do mundo. No marco da campaña, a WWF convida tamén a sumar horas ao coidado do planeta baixo a acción “Banco de horas polo planeta” coa que pretende animar á cidadanía a realizar actividades sostibles.