A Deputación continúa esta fin de semana levando polos concellos da provincia “Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta”, un contacontos para festexar as Letras Galegas e divulgar a traxectoria da autora homenaxeada neste 2024.

En concreto, e despois de visitar Ponteareas, Cambados e As Neves a pasada semana, este venres 5 de xullo chega a Baiona, ás 10:30 horas na Biblioteca Municipal, e ao Porriño, ás 19:00 horas na Praza Antonio Palacios.

Polo Correo do Vento será o encargado de executar este contacontos ilustrado en Baiona e O Porriño que consistirá, por unha banda, na narración da vida de Luísa Villalta e na creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, abrangue a interpretación de distintas pezas musicais e pecharase cun pequeno coloquio adaptado á idade da rapazada participante. Completarase a sesión cun obradoiro no que cada asistente realizará a súa propia caricatura de Villalta.

A Real Academia Galega (RAG) dedicoulle o Día das Letra Galegas 2024 á escritora, filóloga e violinista galega Luísa Villalta. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, e a RAG destaca dela que foi “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90”.