Máis de 260 veciños de cinco colectivos sociais dos concellos de Baiona, Meaño, Pontevedra e Vilanova de Arousa participarán entre o xoves 21 e o domingo 24 de novembro en saídas do programa +Convivencia, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia.
Neste caso, o programa chegará a recursos turísticos da provincia como o Castelo de Sobroso, o centro histórico de Tui, os pendellos de Agolada, o legado romano na Guarda ou o museo Naturnova.
A primeira saída destes próximos días será o xoves 21 de novembro da man de 50 usuarios da Asociación Juan XXIII, de Pontevedra, que viaxará a Vigo onde coñecerán o museo Naturnova (Centro Interactivo de Educación Ambiental) de Afundación. O sábado 23 terán lugar dúas saídas, nas que se mobilizarán 50 persoas da Sociedade Española da Camelia (Pontevedra) para visitar Tui e mais o Castelo de Sobroso, e outras 58 persoas da ANPA El Rosario do CEIP de Belesar (Baiona), neste caso para realizar unha visita familiar á Guarda onde coñecerán os tesouros da Gallaecia romana.
O domingo terán lugar as dúas últimas saídas da semana, con 50 usuarias das Mulleres Rurais A Telleira de Dena (Meaño) que visitarán a comarca do Deza, cos pendellos de Agolada, o Museo da Solana de Piloño (Vila de Cruces) ou a Fundación Xosé Neira Vilas entre as súas paradas, e mais 55 persoas da ANPA As Chans do CEIP San Bartolomeu de Tremoedo (Vilanova de Arousa), que viaxarán á cidade de Vigo para ver as súas luces de Nadal.
O programa +Convivencia, cun orzamento de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa ou a popular, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.
Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local.