O labor que desenvolve o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra no coidado animal acaba de ser apoiado pola Xunta de Galicia coa concesión dunha achega de 47.000 euros, 10.000 € máis que o pasado ano, para financiar os gastos derivados de esterilizacións de cans, identificacións con microchip, compra de alimentos e vacinacións realizados nas instalacións da Armenteira.
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva ás entidades locais para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia.
Todos os cans que saen do centro en adopción fano vacinados, identificados con chip, desparasitados e esterilizados. Neste eido, entre o 1 de setembro do 2023 e o 31 de agosto deste 2024, período que abrangue a achega da Xunta , realizáronse un total de 596 identificacións e 266 esterilizacións. Ademais, recolléronse 980 animais nos concellos adheridos a este servizo na provincia.
Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. Estas son gratuítas e o persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. Tanto para visitas como para formalizar as adopcións preferentemente é preciso pedir cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou 886 217 391.