A Deputación de Pontevedra “rompe o silencio” no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller. Deste xeito, o presidente Luis López encabezará este luns o acto central organizado polo organismo no Pazo provincial ás 11:00 horas no que se reivindicará “a necesidade de romper co silencio cómplice, o mellor aliado das violencias machistas, e a importancia de visibilizar as violencias que sofren as mulleres e de amosar as claves para acadar o cambio e construír unha sociedade na que homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades”.
O acto central do 25N contempla a lectura do manifesto institucional que, este ano, será a cargo da xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido. Ademais, completarase con poemas de “Compracer nunca, con pracer sempre”, de Carmen Quinteiro, coa voz dunha ducia de persoas de diferentes ámbitos da sociedade como o propio presidente, a deputada de Igualdade Sandra Bastos, a autora e tamén a encargada da lectura institucional do 25N, así como Raúl Santamaría, María Borrás, Lucía Muradas, Rafa Cabeleira, Javi Gómez Noya, Susana Pedreira, Natalia Maquieira, Pepe Solla, Begoña Fernández e Sofía Espiñeira.
O Pazo provincial e a sede da Deputación en Vigo lucirán paneis e lonas co lema “Rompe o silencio. Escoita o cambio” co que a institución pretende incidir na necesidade de rachar co silencio, deixando de lado discursos enfrontados ou apropiacións partidistas para liderar ese cambio necesario cara a igualdade. Completaranse as iniciativas organizadas polo organismo provincial con motivo do 25N coa iluminación dos edificios en morado, a cor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, ata o martes 26 de novembro pola mañá.