A desestacionalización do turismo e a súa potenciación conxunta con Valença no marco da Eurocidade son dous dos retos aos que se enfronta Tui de cara ao futuro no sector do turismo. Tamén a aposta polo Turismo 4.0 deben figurar na axenda de cara aos próximos anos. Así se expuxo esta mañá na xornada “Turismo e emprego: un futuro mellor para todos” que se celebrou na aula da UNED, no antigo convento de San Domingos.
No acto inaugural o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que o turismo é o principal motor económico no municipio, e afirmou que ao elaborar a estratexia turística, esta tense que plantexar conxuntamente con Valença porque “temos as mesmas potencialidades”, dicía o rexedor. Tamén reflexionou sobre as ameazas que poden existir polo que dicía que hai que apostar por un turismo sostible, de calidade e especializado.
A xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta, Mª José Echevarría, remarcou a aposta por un turismo de calidade, desestacionalizado e que sexa unha fonte de riqueza ao longo de todo o ano.
Tanto o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, coma a concelleira de Emprego, Ana Mª Núñez, coincidiron en sinalar, no acto inaugural, as iniciativas que poden xurdir no eido turístico a raíz da xornada celebrada hoxe. Aludiron tanto ao turismo sostible coma ao traballo conxunto con Valença, que permitan a consolidación do sector. Igualmente o vereador de Turismo de Valença, Jose Monte, apuntou a situación estratexia da Eurocidade Tui-Valença e as potencialidades deste territorio, polo que hai que ollar, dicía, ao futuro e facelo dende a perspectiva da sostibilidade.
Na primeira ponencia Tamara Tilve, consulta de Valora, empresa que elaborou o Plan Director e Estratéxico de Turismo de Tui, explicou o proceso de elaboración deste documento, no que a participación foi un dos puntos importantes. Repasou os catro retos plantexados nas conclusións xunto coas seis estratexias básicas a realizar no marco temporal do plan. Aludiu tamén á desestacionalización coma reto, a importancia da diferenciación, da sostibilidade e do turismo 4.0.
Nesta xornada presentouse a web de Turismo realizada polo alumnado do Obradoiro de Emprego “Percorre Tui”, concibida coma unha ferramenta accesible dende distintas plataformas e dinámica.
A parte final da xornada foi unha mesa redonda, desenvolvida co mesmo lema que o Día Mundial de Turismo deste ano “Turismo e emprego: un futuro mellor”. Na mesma participaron representantes de IDEA Consultores, Xeodestino Ría de Vigo, Clúster de Turismo de Galicia, Auturminho, e a Cámara de Comercio de Tui. Os novos perfís no sector do turismo, posibilidades de emprendemento, a competitividade ou o financiamento foron algúns dos puntos tratados.
Pechou a xornada Sandra Touza coa ponencia “Turismo sostible: a clave para o desenvolvemento do sector turístico”. Esta tarde haberá unha visita guiada ao Tui Xudeu para o público en xeral.