ALFREDO

Dende xullo do 2019 o BNG tomou a responsabilidade da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, dende entón tense traballado de xeito incansable cumprindo co compromiso feminista para acadar a igualdade.

Recentemente algúns xornais publicaron a solicitude da retirada dunha exposición na entrada do Concello de Baiona, unha mostra que para algunhas e algúns fería sensibilidades. A polémica saltou e moitas foron as opinións a favor e en contra de dúas imaxes dunha mostra composta por 18. Isto provocou unha repercusión mediática e social importante. Velaquí unha mostra da invisibilización do traballo previo. Ninguén nomeou que esa mostra formaba parte da programación do Outubro Diverso, programación socio-cultural que tiña como obxectivo sensibilizar, educar e poñer en valor o traballo e as diferentes realidades do colectivo LGBTIQA+, a programación desenvolveuse todo o mes de outubro con faladoiros cada fin de semana, abordando diferentes temáticas para achegarlle á veciñanza de Baiona por primeira vez na historia do municipio outras realidades que até o de agora ninguén foi quen de tratar.

Este mes está a desenvolverse por segunda vez a programación do Novembro Lila, unha serie de accións que poñen o foco na sensibilización e na concienciación sobre a loita contra a violencia machista. Un traballo que até o momento nunca se fixo e que non sae nos xornais porque non xurdiu polémica, a pesares do grave e do brutal e aterrador que é que se siga exercendo violencia contra ás mulleres e a diario nos estean asasinando.

Esta Concellería traballou, traballa e traballará para traer o cambio necesario a esta sociedade que segue a perpetuar comportamentos machistas, por iso analizamos esta polémica que nace do descoñecemento e da falta de educación en canto á arte, ao feminismo e á liberdade de expresión se refire e imos facer o que vimos facendo dende que estamos aquí, traballar para dar solucións aos problemas reais da veciñanza e seguir avanzando. Queda moito traballo por facer se ante o corpo dunha muller espida vemos unha provocación en non un xeito de expresarse libremente.