CONCELLO // Pleno de Gondomar. Archivo

O voceiro do Grupo Municipal de “Manifesto Miñor, Antonio Araújo, indicou nunha nota de prensa remitida aos medios, e tralo pleno celebrado onte en Gondomar, que “quedou claro que a expulsión do Goberno Municipal de “Manifesto Miñor” responde a un pacto previo, PSOE-PP (acordado nunha asemblea conxunta o mes pasado como é público e notorio) e só lles faltou o “que se besen” como nas vodas, votando todos os asuntos en perfecta unión de intereses (unha UTE ?)”.

Votáronse uns expedientes aos que “Manifesto Miñor” non tivo acceso en tempo e forma como é preceptivo, xa que tivemos bloqueado o acceso á documentación ata un día antes do pleno, e polo tanto non poidemos participar nos debates nin votar con coñecemento de causa. Veremos que pasa con esa vulneración flagrante de dereitos a cargos públicos no exercicio do seu labor de representación“, afirma Araújo.

“Con todo, foi no apartado das mocións presentadas por “Manifesto Miñor” onde quedou perfectamente retratada a actual Corporación Municipal. Na primeira moción de apoio ás persoas imputadas pola reclamación do Pazo de Meirás (Os 19 de Meirás), foi aprobada só cos votos nosos e de CABE, o PSOE abstívose porque seica é un asunto carente de interese para o Alclade, e o PP votou en contra deixando claro o seu carácter franquista”, explica.

“A nosa segunda moción que tiña por obxecto a sinatura urxente dun convenio cunha protectora de animais para a recollidade gatos, foi aprobrada por unanimidade, comprometéndose o Alcalde que o convenio estaría asinado en xaneiro como moi tarde“, declara.

“A terceria moción, onde se lle reclamaba ao Sr. Alcalde a devolución dos cartos indebidamente cobrados por kilometraxes irregulares, por unha custión de ética e moralidade públicas, foi onde quedou clara a catadura moral deste Sr, pois tivo o atrevimento de votar contra esa devolución, gañando a votación (4-3) grazas á abstención dos demais grupos da Corporación que polo visto miran con bos ollos semellante atropelo ás arcas públicas“, expón o voceiro.

Polo demais, no pleno foi aprobada a adxudicación das obras da Praza da Paradela só cos votos do PP-PSOE, “despois de lle solicitar deixalo sobre a mesa para que “Manifesto Miñor” poidéramos ver o expediente con tempo e poder votar a favor como viñemos facendo sempre neste asunto. Petición que foi rexeitada e, sometido o asunto a votación só obtivo 8 votos a prol, cando para unha adxudicación desta contía (un orzamento de 789.000€) deberían ser os 9 votos da maioría absoluta no caso de Gondomar, segundo o noso entender“, finaliza Araújo.