ALFREDO // Puente internacional de Tui

O deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, fixo hoxe un chamamento para mellorar a mobilidade entre a provincia de Pontevedra e o Alto Miño portugués.

Segundo subliñou, a fronteira do Miño soporta case a metade (o 47%) dos fluxos de vehículos lixeiros rexistrados entre Portugal e España, sendo a fronteira de Valença-Tui o punto fronteirizo con maior intensidade media diaria de tráfico de pasaxeiros ao nivel estatal, con valores claramente superiores aos rexistrados na fronteira do Algarve. “As fronteiras sempre presentaron problemas de mobilidade. Os Gobernos deben abordar como resarcir esas limitacións da fronteira. Queda moito por facer, sobre todo na raia do Miño”, subliñou.

Benítez destacou que “Galicia é hoxe o principal cliente portugués en España, o que supón cada vez máis un fenómeno de integración transfronteiriza na Península Ibérica”, indicou, para engadir que “se fose un país autónomo, Galicia sería o oitavo maior destino de exportación de Portugal, con valores de exportacións máis altos que os rexistrados a Italia ou á Bélxica e preto de tres veces superiores aos destinados ao Brasil”. Así mesmo, fixo referencia tamén aos importantes fluxos turísticos entre o sur de Galicia e Portugal, sendo as durmidas de viaxeiros de ambas parten unha importante porcentaxe nos establecementos hoteleiros galegos e portugueses, así como a afluencia da veciñanza aos diferentes aeroportos da Eurorrexión.

Por este motivo, Benítez destacou a importancia da celebración este venres das Xornadas sobre Cooperación Transfronteiriza que a Deputación de Pontevedra, da man da USC, vai celebrar en Tui (Edificio Área Panorámica). Nelas estarán presentes representantes internacionais de diferentes organizacións, que aportarán a súa visión e experiencia sobre os traballos de mobilidade postos en marcha en diferentes rexións e territorios europeos e españois e que servirán de exemplo para o futuro da nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial Río Miño, a piques de nacer.

Metro eurorrexional

En todo caso, segundo explica Benítez, a verdadeira aposta pola mobilidade sustentable a nivel de Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal debe ser o ferrocarril, xa que a súa execución con altas prestacións entre Porto e Vigo –onde enlazará co AVE Atlántico galego-, constituirá un grande elemento vertebrador. “Este novo transporte ferroviario actuará como un ‘metro eurorrexional’, permitindo a mobilidade inter-cidades en función dos diferentes motivos de desprazamentos. Terá efectos nos mercados laborais, na mobilidade dos recursos humanos, na actividade empresarial e sen dúbida no sector turístico, e reforzará a cohesión económica, social e cultural”, salientou.

Neste sentido, Benítez destacou o traballo que está a realizar a Deputación de Pontevedra que, xunto coa CIM Alto Miño, vén de crear unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) que está pendente de aprobación definitiva. Este novo ente de cooperación entre as dúas partes da raia do Miño vén de presentar varios proxectos que optan aos fondos da Unión Europea coa finalidade de desenvolver o territorio transfronteirizo do Miño, tanto a nivel económico como social e cultural.