O pasado xoves, 1 de agosto, a Casa dos Alonsos acolleu a inauguración da Exposición da Asociación ACIGU – A GUARDA Centro Comercial Aberto, titulada «Historia Comercial e Industrial Guardesa. Dende Mediados do Século XX ata a actualidade».

No acto de inauguración interviron a Presidenta de Acigu CCA, Carmen María García Braga; o Presidente da Federación Gallega de Comercio, José María Seijas, o Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jesús Castiñeira e o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, contando ademais cunha ampla representación do empresariado guardés e representantes políticos. A exposición espertou moito interese, facendo recordar a moitos dos presentes as empresas que existían tempos atrás e como eran os seus «slogans», logotipos ou «ganchos» comerciais.

Esta mostra, que conta cun total de 18 paneis, tenta realizar unha viaxe polos últimos 70 anos da vida comercial e industrial guardesa, a través da súa publicidade, amosando diferentes anuncios e publicidades que empregaron as empresas guardesas para dar visión as súas marcas e produtos, xerando un feedback entre o visitante e a exposición.

Para os maiores esta mostra permite, mediante estes anuncios, realizar unha viaxe ao pasado dos seus recordos; ás tendas da súa xuventude e a evolución destas empresas da nosa vila.

Para os máis mozos é unha oportunidade de ver que tipo de produtos e modas había tempos atrás; así como as ferramentas que se empregaban e que arestora están fora de uso ou substituídas por novas tecnoloxías. Naqueles tempos existían números de teléfono con 2 e 3 díxitos, se empregaban direccións telegráficas, telex, así como o xeito de promocionarse, antigamente se realizaba en impresión, na actualidade a través das redes sociais. Tamén se pode apreciar a denominación das rúas noutros tempos e a relación existente xa naquela época con outras áreas, como pode ser Vigo ou o norte de Portugal.

Nesta mostra non se pretende valorar a presenza das marcas ou empresas; senón a evolución que tivo a localidade co seu tecido comercial e industrial; así como a gran cantidade e a calidade de grandes emprendedores locais.

Esta exposición estará na Casa dos Alonsos da Guarda en horario de 8:00 a 15:00 horas ata o vindeiro 16 de agosto.