Como ven sendo habitual cada ano, Galicia acolle aos «Amigos da Cultura Celta», un colectivo que agrupa a máis dun cento de expertos e afeccionados de diversos países de Europa e de América para celebrar, nesta edición, o «XI Encontro da Cultura Celta», que se levará a cabo na Guarda.

O XI Encontro da Cultura Celta terá lugar o venres 10 de agosto, a partires das 10:30 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda, sito na Rúa Rosalía de Castro, 14.

Entre a programación de actividades para esta edición destaca o acto solemne de entrega de distincións e recoñecementos a personalidades do mundo da docencia, a investigación, a difusión da cultura e da conservación do patrimonio, amenizando a actividade con música celta.

Seguindo coa programación, visitarase a Citania do Monte de Santa Trega da Guarda, baixo as explicacións do Director de Conservación e Interpretación.

O obxectivo que persegue este colectivo é dar a coñecer, cunha perspectiva histórica e cultural, o incalculable valor do noso patrimonio celto-castrexo, potenciando o gran interés turístico-cultural que posúe tal e como o veñen facendo outros «países celtas» dos finisterres europeos.

Ao acto, que será de carácter público, asistirán autoridades académicas e políticas, expertos na temática celta, de 6 universidades españolas e portuguesas, docentes, escritores, periodistas e destacados especialistas e intérpretes do que se considera a «música celta».