A Guarda conmemorou o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O pasado domingo, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero , congregouse na Praza do Reló de A Guarda un gran número de asistentes para rexeitar publicamente calquera tipo de violencia.

O alcalde deu lectura a un manifesto, onde quixo deixar claro que a Violencia de Xénero, é a manifestación máis extrema da desigualdade e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade democrática.

A loita contra a violencia machista ten que se converter nunha prioridade institucional, o motor para que todas as administracións acaden a conexión necesaria coa cidadanía. O noso deber é comprometer a base dunha coordinación institucional, política e social que ha abranguer todo o sistema“, indicou.

O pobo da Guarda demostrou a gran implicación na campaña “ Contra as violencias. A Guarda en Negro”. O comercio, a hostelería, os centros educativos, as asociacións e a cidadanía guardesa tinguiron a vila de negro en sinal de repulsa ante todos os tipos de violencia. Queremos unha Guarda libre de Violencia!

Distintas voces alzaron a súa voz en representación do ámbito asociativo, educativo, así como a Directora do Centro de Información á Muller da Guarda, en representación do centro de referencia no ámbito comarcal do Baixo Miño de atención ás mulleres vítimas da Violencia de Xénero e aos seus fillos e fillas para resaltar a valentía de todas as mulleres de nós: as nais, as irmás, as tías, as amigas, as coñecidas e as veciñas, ás que dan o paso de rachar cunha situación de violencia e todas as que han contar co noso apoio.

Acompañaron este acto o grupo Xardín Desordenado, que conta entre a súa concentración a discografía con dous discos dedicados ás mulleres escritoras, conseguiron facer desfrutar ao público asistente cos seus magnificos textos convertidos en cancións. Mostra diso foi a gran ovación que recibiron ao finalizar o concerto.