A pesar de que a Festa do Peixe Espada prolongouse na súa primeira xornada ata as catro da madrugada entre racións de peixe e a música da Rianxeira, esta mañá ás dez a carpa feiral xa estaba preparada para acoller a presentación oficial de Ecodestin-Sensea, unha iniciativa de turismo mariñeiro inclusivo desenvolta pola empresa Bluscus e que conta co respaldo da Xunta de Galicia.

O alcalde da Guarda, o presidente de Orpagu e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar participaron no evento, que contou cunha demostración práctica do que significará esta iniciativa nas localidades costeiras de Galicia. Mariñeiros, redeiras e cordeleiros, entre outros profesionais, déronse cita no porto guardés para acompañar aos participantes na estrea deste proxecto, que contou ao longo de toda a xornada con varias saídas ao mar, demostracións de oficios tradicionais e visitas ao Museo do Mar local.

E mentres uns navegaban, outros seguían con atención a actuación da Agrupación Musical da Guarda, un concerto que xa é un clásico na programación da Festa do Peixe Espada e que logra cada ano o aplauso do público polo seu variado repertorio e o seu acerto á hora de conxugar pezas populares con temas clásicos.

O momento musical foi aproveitado polos cociñeiros e cociñeiras do evento para ultimar as centos de racións de peixe espada que se servirían horas despois aos comensais vindos, na súa maioría, desde distintos puntos da xeografía galega e da veciña Portugal. Estes profesionais recibiron os encomios dos visitantes polo «toque» persoal que lle deron ás numerosas receitas da festa. E aínda que a empanada e o guiso de peixe espada foron as preparacións máis solicitadas, tamén houbo quen preferiu as croquetas, as albóndegas ou o salpicón.

Durante a tarde, e en diferentes puntos da vila, sucedéronse as actuacións a cargo de agrupacións como Xamaraina (baile e pandeireta), Deixa Andar e Coros Cantábile e Arpegios.

Gañadores do Campionato Galego de Náutica Adaptada

O deporte tamén formou parte da axenda da celebración gastronómica. Onte desenvolveuse a terceira proba do Campionato Galego de Náutica Adaptada, cuxa entrega de premios celebrouse pola tarde en presenza da deputada Olga García e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba. José Barrio Guldris, con Pilar Sarmiento; José Luis Álvarez, tamén con Pilar Sarmiento, e Óscar Gallego, con Mónica Rodríguez, foron, por esa orde, os tres primeiros clasificados na proba organizada polo Club Deportivo Sen Amarras en colaboración coa Federación Galega de Motonáutica.

Hoxe foi a quenda do remo cunha regatilla organizada polo Club Robaleira, que foi seguida desde o peirao e a praia por un gran número de afeccionados.

Xa pola noite tivo lugar a despedida desta edición da festa, a décimo sexta, con comida e música, como non podía ser doutra forma.

Para a memoria, dous días nos que o pobo da Guarda, liderado pola Organización de Palangreiros local, volveu darlle o protagonismo que se merece a unha especie da que dependen económicamente centos de familias, tanto da Guarda como doutros puntos de Galicia.