Archivo

O pleno do Concello da Guarda aprobou a iniciativa do BNG de rexeitar a suba do canón de SOGAMA que propón a Xunta de Galicia.

O portavoz do BNG, Anxo Baz encargado de defender a proposta manifestou que “estamos diante dunha nova imposición da Xunta de Galiza do PP contra os concellos, con unha nova carga contra as arcas municipais. De ir adiante esta proposta da Xunta, A Guarda tería que pagar 100.000€ máis ao ano a SOGAMA que directa ou indirectamente van repercutir negativamente na cidadanía guardesa».

Anxo Baz lembrou que o BNG defende “un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización, a reciclaxe e a compostaxe, fronte ao custoso e antiecolóxico sistema Sogama, baseado na incineración e o vertido que –recorda– están penalizadas pola normativa europea”.

“En lugar de abrir un debate sobre a cuestión dos residuos e introducir cambios no sistema de xestión para adaptalo ás esixencias da directiva marco de residuos, a Xunta opta por facerlle pagar aos concellos o fracaso dun sistema centralizado, obsoleto, moi custoso e antiecolóxico. Deciden darlle un novo sablazo aos concellos, seguindo coa súa especialidade de buscar culpables en lugar de propoñer solucións”, recalcou.

O nacionalista afeoulle tamén ao Alcalde da Guarda que non fixo nada en cuestións de residuos e demandoulle que se poñan a traballar.