A Guarda tínguese de negro contra as violencias

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), organiza varias actividades para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de Xénero, que se celebra cada ano o 25 de novembro.

Entre as actividades programadas para este ano destacan unha actuación poética-musical, unha barferencia, un concerto, unha campaña conxunta co comercio local, obradoiros nos centros educativos e unha concentración pública na Praza do Reló.

A Guarda en Negro

As actividades arrancan coa implicación da meirande parte do comercio e empresas do municipio, coa proposta de vestir de loito a vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia. Do 19 ao 26 de novembro, as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercados, etc se vestirán de negro, os maniquís, os manteis dos restaurante ou mesmo os empregados e empregadas e empresarios e empresarias tamén vestiranse de negro.

Porque consideramos que as empresas teñen o protagonismo das rúas da Guarda, e son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos A Guarda libre de violencia!.

O alumnado dos centros educativos participa en obradoiros contra a Violencia de Xénero

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda, promoven dende o mes de outubro e ata o próximo mes de decembro o «Proxecto Empatía», cunha serie de obradoiros destinados ao público infantil e xuvenil dentro da campaña do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

A actuación inclúe obradoiros de habilidades e relacións sociais destinados á aprendizaxe de relacións respectuosas entre o alumnado. Así, por exemplo, as cativas e cativos poderán aprender a amosar os seus sentimentos, a resolver conflitos de forma pacífica e a valorar a igualdade entre mulleres e homes como eixo central do desenvolvemento humano.

Con esta actuación, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, búscase informar, sensibilizar e concienciar sobre a magnitude do problema que supón a violencia de xénero, especialmente entre a mocidade, identificando a forma específica que adopta esta violencia nas súas relacións interpersoais e promovendo posturas de rexeitamento e denuncia activa ante ela, incidindo especialmente no uso axeitado que debe facerse das novas tecnoloxías.

Máis actividades

O mércores 21 de novembro, ás 12:30 horas, o Centro Cultural acollerá unha actuación lúdico-musical con perspectiva de xénero do grupo de teatro Chévere I´ll be Watching You” II (Hei estar vixiándote II). Espectáculo lúdico-musical e pedagóxico que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa.

Montse Fajardo estará o vindeiro venres 23 de novembro, ás 20:30 horas, no Bar Benedictus da Guarda dentro do ciclo de barferencias coa charla “Invisibles: falamos da violencia machista a través do relato das vítimas”, que xirará entorno ao seu libro Invisibles, relatos do maltrato, que veu a luz en novembro do ano pasado.

O libro aborda, a través de sete casos reais, as distintas caras da violencia machista, desde a máis evidente, a do maltrato físico, ata a violencia psicolóxica, intentando amosar como afecta ás crianzas da parella e denunciando as eivas que presentan as institucións á hora de prestar axuda ás vítimas.

O propio día 25 de novembro e para commemorar o Día Internacional Contra a Violencia de xénero, ás 12:00 horas na Casa dos Alonso, contarase coa actuación musical de Xardín Desordenado e convidase a toda a cidadanía a tinguir a Praza do Reló de negro, en sinal de rexeitamento de todo tipo de agresións e violencia machista, apoiando ás vítimas e transmitindo as xeracións futuras o respecto á igualdade de mulleres e homes para defender unha sociedade xusta e paritaria. Para iso poden acudir con roupa, sombreiros, chuvasqueiros, paraugas…de cor negra.