Centro de Salud de O Rosal

A Portavoz do Grupo Municipal do BNG do Rosal, Ánxela Fernández Callís, denuncia que a ausencia do médico no Centro de Saúde do Rosal está sendo cuberta polo doutor do Centro de Saúde de San Miguel. Deste xeito, de novo un só facultativo está facendo o traballo que corresponde a dous, provocando as lóxicas carencias no servizo de Atención Primaria.

Esta situación xa se produciu durante os meses de verán, cando o SERGAS non cubriu a baixa dun médico do Centro de Saúde do Rosal e o de San Miguel tivo que traballar a metade da xornada nun Centro e a outra metade no outro.

Desta volta o Centro de Saúde de San Miguel permanece pechado e o médico atende a todos os usuarios no Centro de Saúde do Rosal. En consecuencia, ademais da perda de calidade asistencial xa citada engádese a obriga do desprazamento ata outra parroquia.

“Desde o BNG do Rosal voltamos pedir ao Goberno local que tome en serio esta cuestión e denuncie diante da Consellería esta situación para que se tomen as medidas oportunas e non se repita a inxustificable precarización que estamos a sufrir da Sanidade Pública”, indica Fernández.

Para nós a Sanidade Pública non é só un dereito senón tamén unha prioridade“, finaliza Ánxela Fernández.