Onte no Auditorio de Goián, tivo lugar a I Gala Solidaria pola ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica), organizada pola Asociación AGAELA (Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica), coa colaboración do Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e comercios locais.

José Manuel Pereira “Nel”, tomiñés afectado por esta enfermidade, impulsou esta Gala Solidaria pola Ela, cuxa recadación íntegra (1.225 euros) irá destinada a adquirir camas articuladas e cadeiras de ducha para persoas que sofren esta doenza.

Pereira quere dar visibilidade a esta doenza que padecen en España máis de 4.000 persoas, abandeirado co seu lema: “La ELA existe, pero nosotros delante y la ELA detrás, siempre”.

A cita contou coa presentación da actriz moañesa Anabel Budiño, da compañía Moito Morro Teatro, e a actuación do Grupo de Acordeóns Helios, do Coro Passionato e da Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio; rematando cun desfile solidario, grazas a varias casas comerciais.

AGAELA quere agradecer a participación e apoio de todas as persoas e institucións e casas comerciais que prestaron a súa colaboración para mellorar a calidade de vida dos afectados por esta enfermidade na nosa comunidade autónoma.