A Igualdade de Xénero é a temática escollida polo alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui para participar no programa DepoRúARTE 2019, impulsado por cuarto ano consecutivo pola Deputación de Pontevedra.

Máis de 50 alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato participarán este martes, ás 12:00 horas, na presentación dun mural realizado, baixo o nome “Des – Igualdade”, para facer fincapé na necesidade de romper con todas as desigualdades ás que nos enfrontamos día a día, especialmente na desigualdade de xénero.

DepoRúARTE xira este ano arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), ofrecéndolles aos mozos e mozas espazos de encontro e intercambio de experiencias, así como novas alternativas de actividades artísticas e lúdicas arredor das artes urbanas. Dentro dos ODS, o alumnado do IES Indalecio Pérez escolleu a temática da igualdade de xénero, sobre a que realizaron sesións para analizar comportamentos machistas e para estudar como se pode contribuír a lograr a igualdade real entre mulleres e homes.

Despois destas sesións no centro educativo, rapazas e rapaces do instituto tudense realizaron un mural-graffiti nun dos laterais do centro educativo. Xunto ao artista grafiteiro O Ras, debuxaron a nenos e nenas empurrando pola palabra “igualdade” e deixando fóra a desigualdade. O mural complétase cun fondo negro xigante coas letras en branco “contra a violencia”.

Mañá martes, ás 12:00 h., presentarán o traballo realizado, nun acto no que tamén estará profesorado do centro, o artista O Ras e a deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas.