Gran resposta de participación na segunda edición do concurso escolar Creando Rural, posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural co obxectivo de implicar a novos colectivos na difusión e animación do desenvolvemento rural e da Medida Leader entre a poboación residente no ámbito territorial do Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14) (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).
En total, 10 aulas de 7 centros escolares de 5 municipios do territorio presentaron os seus proxectos a concurso para participar nalgunha das dúas categorías aberta, educación infantil e primaria. Os colexios participantes foron, por concellos:
Gondomar:
- CEIP Serra de Vincios.
- Centro de Educación Infantil San José.
A Guarda:
- CEIP Plurilingüe As Solanas.
Nigrán:
- CEIP Mallón.
Tomiño:
- CRA Mestre Manuel Garcés – Escola da Aurora.
Proxectos gañadores
Á numerosa participación hai que sumarlle o éxito de resposta do público na votación popular, xa que se recibiron un total de 3.291 votos. De estes, 2.582 foron para a categoría de educación infantil e outros 709 para a categoría de primaria. Así, as aulas gañadoras por votación popular foron:
- 6º EI Centro de Educación Infantil San José (Gondomar) – categoría educación infantil
- 1º EP CEIP Plurilingüe As Solanas (A Guarda) – categoría educación primaria
Por outra banda, debido á calidade dos proxectos presentados a concurso na categoría de educación infantil, o tribunal decidiu por unanimidade outorgar dous premios ex aequo para recoñecer o gran traballo levado a cabo polo alumnado e profesorado participante. A estes dous premios hai que sumarlle o da categoría de educación primaria. As clases gañadoras da votación do xurado foron:
- 3 e 6º EI CEIP Plurilingüe As Solanas (A Guarda) – categoría educación infantil
- CRA Mestre Manuel Garcés – Escola da Aurora (Tomiño) – categoría educación infantil
- 2º EP CEIP Serra de Vincios (Gondomar) – categoría educación primaria
Como premio os gañadores da categoría infantil realizarán unha excursión dun día de duración á Granxa Escola Corazón de Carballo, situada en Tomiño, o vindeiro 15 de maio. Mentres, pola súa parte, os vencedores na categoría de educación primaria visitarán o 28 de maio o centro de actividades na natureza FervenzAventura, en Silleda.
Ademais, as aulas gañadoras recibiron este martes os parabéns e un diploma acreditativo de mans dos alcaldes e alcaldesa dos seus concellos. Así, o rexidor da Guarda Antonio Lomba acudiu acompañado da concelleira de Cultura, Educación e Xuventude, Elena Baz, ao CEIP Plurilingüe As Solanas, gañador de dous premios; a alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, Sandra González, felicitou aos gañadores do CRA Mestre Manuel Garcés-Escola da Aurora; e Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, visitou aos vencedores do centro de educación infantil San José e do CEIP Serra de Vincios.
Dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural quérese dar a noraboa a todos os gañadores e gañadoras do concurso e agradecer a todos os centros escolares que se presentaron a súa participación e implicación no proxecto. Un agradecemento que se fai extensible tamén a todos aqueles docentes que se inscribiron para participar coa súa aula nesta segunda edición de Creando Rural pero que por diferentes motivos non puideron presentar os seus traballos finais a concurso.