Grande acollida das actividades gratuítas desenvolvidas nas parroquias tomiñesas dentro do programa ‘Deporte para todas as persoas’, posto en marcha pola Eurocidade Cerveira-Tomiño en instalacións municipais de ambos os dous concellos.
Máis de 100 persoas xa están inscritas e participan nas clases que cada semana se desenvolven en Sobrada (mércores), Tomiño (xoves) e Tebra (venres) e que cada vez suscitan máis interese entre a poboación. Son actividades como ximnasia de mantemento e pilates coas que os e as participantes din sentirse mellor fisicamente.
De xeito paralelo, Vila Nova de Cerveira ten en marcha tamén tres grupos de actividades deportivas gratuítas nos IPSS (Institucións Particulares de Solidariedade Social) dirixidas a un perfil de público diferentes, especialmente xente de maior idade.
Inscrición
Máis de 200 persoas participan nas actividades gratuítas do programa transfronteirizo ‘Deporte para todas as persoas’ e que inclúe, ademais das modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira: piscina en familia nas instalacións municipais de Cerveira, con natación e iniciación ao medio acuático para nenas e nenos de 3 a 12 anos acompañados dun familiar os primeiros sábados de cada mes (18.45 h, hora galega), e actividades para maiores de 55 anos, todos os martes (10.30 h) en Cerveira e os xoves (10.00 h) no local da Asociación Vontade de Tomiño. Ambas as dúas tamén cunha boa acollida por parte da poboación.
Este programa deportivo comezou unha nova tempada en setembro de 2018 e estará aberto ata novembro deste ano, agás no mes de agosto, no que se fará un parón estival. Todas as persoas interesadas en participar poden aínda inscribirse vía online, cubrindo o formulario que atoparán na web da Eurocidade, ou de forma presencial na oficina de Cooperación Transfronteiriza, situada no segundo andar do Concello de Tomiño (Praza do Seixo). Máis información no teléfono 986 18 45 98, en horario de 08.00 a 15.00 horas.