ALFREDO

Segundo o BNG, a xestión orzamentaria do goberno de Nigrán foi obxecto de análise no informe resumo dos resultados do control interno do exercicio 2025, realizado pola intervención municipal e elevado ao pleno para o seu coñecemento. Din que o informe revela que «o ano pasado emitíronse ata 126 informes de reparo que na súa maioría suspenderon os procedementos. Suspensións que foron levantadas case na súa totalidade por resolución da Alcaldía».

Afirman os nacionalistas que os motivos de desconformidade son, polo xeral, «reiterativos, e referidos en gran parte a gastos realizados sen a tramitación do correspondente expediente de contratación ou por omisión de trámites esenciais, cando non por ausencia absoluta de procedemento. Así atopámonos, entre outras anomalías, con contratacións verbais e gastos que corresponden a prórrogas tácitas de contratos xa vencidos».

Particularmente grave- apuntan- «é o incumprimento dos prazos contractuais na execución dos contratos de obras, pois nalgúns casos, como é no da remodelación do parque de A Ramallosa, a redución do prazo soe ser un criterio de adxudicación, co que se está incumprindo o establecido no contrato en prexuízo doutros licitadores». Lembran dende o BNG que esta obra, por un importe de 825.000 euros, foi adxudicada a ORESA, «unha das empresas que integraban a UTE que o goberno de Nigrán intentou favorecer inicialmente co contrato da recollida do lixo. Actualmente a demora no prazo de execución desta obra excede xa os 6 meses, cando a empresa ofertou unha redución de 8 semanas pola que recibiu 20 puntos na valoración da súa oferta».

«Ademais disto excédese o prazo de xustificación da subvención que financia en todo ou parte o gasto, podendo supoñer a súa perda total ou parcial«, apuntan. A remodelación do parque de A Ramallosa está financiada nun 80% pola Deputación de Pontevedra, «ou sexa, 660.000 euros que están en risco de perderse de non poder xustificarse en tempo e forma, co que tería que asumir o gasto o concello de Nigrán con fondos propios».

Aseguran desde o BNG que isto xa aconteceu no pasado exercicio, «no que se perderon varias subvencións por non ter sido xustificadas en prazo, o que motivou que eses fondos tiveran que ser aportados polo Concello de Nigrán. Así, na mellora de camiños e ampliación da rede de saneamento en Chandebrito, por non xustificar en prazo parte da obra, perdeuse o dereito ao cobro de case 78.000 euros que ten que asumir o concello, igual que 11.148 na pista de pumptrack ou 2.854 na pista de surfskate de Patos».

Fonte: BNG