Un total de 8.218 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia nesta tempada de verán, na que dúas técnicas de turismo contratadas polo Concello prestaron servizos de información entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.
Segundo as estatísticas recompiladas polo persoal da oficina, situada no casco histórico (barrio do Arrabal), do total de 8.218 visitantes, 3.560 foron peregrinos e 4.658 turistas.
O total de visitantes rexistrados neste verán supón un aumento de 1.598 persoas respecto ao verán de 2018, cando se rexistraron 6.620 visitantes (dos que 1.968 foron peregrinos e 4.652 turistas). Comparando os resultados obtidos nos dous períodos, destaca especialmente o incremento de persoas que fan o camiño da Costa ao seu paso por Oia.
En canto aos principais lugares de procedencia dentro de España, destacan os visitantes doutros puntos de Galicia (1.146 persoas) e da Comunidade de Madrid (1.162 persoas), seguidos das persoas que viaxaron desde Castela e León (554) e Andalucía (449).
No que respecta a visitantes de outras nacionalidades, detectáronse persoas procedentes de máis de 40 países distintos, sendo Portugal (con 1.116 visitantes) o principal lugar de procedencia. A bastante distancia séguenlle países como Italia, Alemaña, Francia e Inglaterra.
Os principais comentarios expresados polas persoas que pasaron pola oficina de turismo foron relativos á beleza da paisaxe, o Mosteiro de Oia e a oferta de restauración do municipio.
O servizo de información na oficina foi prestado por dúas técnicas de turismo. A contratación dunha delas contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través dunha subvención que cubriu o 75% dos custos totais.
Novo material informativo
Por outra parte, o Concello de Oia vén de publicar diversos materiais de promoción turística do municipio, que estiveron dispoñibles durante todo o verán para as persoas que se achegaron pola oficina de información turística situada no Arrabal (Praza da Centinela). Principalmente reeditáronse os materiais con maior demanda e tamén se publicou algún novo folleto.
A principal novidade deste verán foi o políptico titulado “Oia, vida en estado puro. + de 35 lugares que visitar”, o cal reúne información sobre os principais atractivos turísticos e patrimoniais do municipio (Mosteiro de Oia, Pozas de Mougás e de Loureza, castro e petróglifos da Cabeciña, Pozo do Arco, Camiño Portugués da Costa, etc.) xunto cun detallado plano.
Así mesmo, reeditáronse dous dos materiais máis solicitados: a guía turística de Oia (un caderno de 15 páxinas a cor con textos, fotografías, mapas e información práctica sobre recursos turísticos e servizos do municipio) e o tríptico informativo sobre a Igrexa do Mosteiro de Oia. Este último folleto, titulado “Unha paisaxe por descubrir: Mosteiro de Santa María de Oia”, foi elaborado por Acamo (Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia) e contén información histórico-artística.
Para a publicación de todo este material, o Concello de Oia contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019, liña 2.