Tui celebrará do sábado 20 ao luns 29 de abril – festivo local na cidade – as Festas na honra a San Telmo cunha programación pensada para todos os públicos.
A presentación dos festexos tivo lugar este venres na casa do concello a cargo do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Eduardo Freiría, o concelleiro de Seguridade, Antonio Castro, a concelleira de Educación, Mila González, e a concelleira de Servizos Sociais, Estrella Muradás.
Carlos Vázquez Padín destacou a proposta musical das festas na que se aposta pola música orixinal con actuacións destacadas coma a de Blas Cantó o sábado 27 e a orquestra Mondragón o domingo 28, amais dos grupos tudenses Mi Calip’s e Factor 50 que actuarán o venres 26, e Patricia Moon o sábado 20. A oferta musical contempla tamén a presenza do Combo Dominicano na noite do luns 29, e ao longo das festas estarán o grupo América ( domingo 21) e as orquestras Passarela (sábado 27) e Saudade (domingo 28).
As festas comezarán o sábado 20, ás 19:00 horas, coa lectura do pregón a cargo do filatelista tudense Carlos Pérez-Fonterosa Antón, nun acto no Teatro Municipal onde actuará a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos. O primeiro día das festas Pablo Méndez Performances presentará no Paseo da Corredoira o seu espectáculo “Quimera”. Non faltarán eventos tradicionais coma o festival folclórico ou a Semana de Teatro Afeccionado.
Concertos da Banda de Música Popular de Tui e da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, o V Encontro de Bandas de Gaitas, e actuación de charangas completan a oferta musical.
Programa












