A PVGS reuniuse este venres ás 20:00 horas no Centro Neural de Gondomar para tratar en asemblea a información recollida desde a súa formación e crear unha opinión conxunta da situación actual e dos avances acadados.

Desde a Plataforma entenden que as conversacións mantidas co Goberno local e con Augas de Galicia, «aínda que necesarias e útiles para obter información, non foron suficientes para acadar algúns dos obxectivos a curto prazo«. Entre eles «a posta en marcha do servizo municipal de baleirado de fosas sépticas tan demandado pola veciñanza».

Na asemblea veciñal naceron propostas na liña de protestas e concentracións colectivas que mostren o «malestar e cansazo das persoas» que ven como as súas necesidades máis básicas «seguen sen estar cubertas, sentíndose veciños de segunda«.

O vindeiro sábado 14 de decembro ás 12:00 horas convocan unha concentración diante do concello. “Animamos a participar nesta concentración a toda a veciñanza pois todas e todos sufrimos da carestía dos servizos básicos como o saneamento, o abastecemento de auga, o mal estado de estradas e camiños ou a falta de seguridade viaria”, afirman os voceiros.

A asemblea veciñal é o organismo que nos dota, á veciñanza, de poder na toma de decisións, estas xuntanzas abertas fomentan a participación cidadá e melloran as relacións entres os veciños e veciñas. A unión fai a forza”, recalcan.