A biofabricación e a enxeñaría de tecidos revélanse como áreas de coñecemento disruptivas con gran potencial para abordar algúns dos principais desafíos aos que se enfronta a sociedade no campo da saúde, o que as converte en nichos de mercado e de emprego de gran proxección para o futuro.

No caso da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, a existencia dunha rede científica avanzada e dun sector biotecnolóxico moi dinámico amplía as oportunidades para que este impacto sexa especialmente relevante. Estas son algunhas das conclusións preliminares da análise do contexto socioeconómico realizada para a elaboración do Libro Branco da Biofabricación por parte do Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable, no marco do proxecto europeo Iberos+.

Os avances no desenvolvemento deste documento, que busca anticiparse á medicina do futuro, déronse a coñecer este venres en Braga na terceira reunión dos socios do proxecto, liderado pola Universidade de Vigo e financiado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2021-2027 (POCTEP) cun orzamento total de preto de 2,2 millóns de euros ata 2026. Iberos+ é a evolución do proxecto Iberos, que puxo as bases desta colaboración científica entre 2017 e 2020.

Esta nova iniciativa, na que se integran máis de 150 investigadores e investigadoras, ten como obxectivo dar resposta aos desafíos sociosanitarios asociados ao envellecemento da poboación na eurorrexión Galicia-norte de Portugal e na Unión Europea en xeral.

Nos próximos meses, completarase o traballo coa avaliación do mercado actual e as súas perspectivas de crecemento, a identificación de actores relevantes do tecido empresarial e a realización dunha análise prospectiva. A finalidade deste libro branco será facilitar a toma de decisións informadas, tanto por parte da comunidade científica e da saúde como polas administracións públicas e a industria.

Un mercado en expansión

Estímase que o mercado global de bioimpresión, enxeñería de tecidos, órganos artificiais, rexeneración de tecidos e bioimplantes crecerá un promedio anual do 15% no período 2024-2029. As aplicacións destas tecnoloxías aínda están por explorar na súa totalidade, pero xa se sabe que a biofabricación abre un novo campo de coñecemento no que destacan dúas grandes áreas de investigación.

Por unha banda, a creación de modelos in vitro tridimensionais, que farán posibles avances significativos na comprensión dos mecanismos fisiolóxicos e patolóxicos, así como no desenvolvemento de novos tratamentos farmacolóxicos personalizados. Por outra banda, a rexeneración de tecidos e órganos, que permitirán tratar moitas enfermidades e achegar novas solucións clínicas. En definitiva, como destacan dende o proxecto Iberos+, o desenvolvemento do sector da biofabricación suporá unha importante redución dos custos dos tratamentos e unha mellora na calidade de vida dos pacientes.

O fomento da investigación, co apoio financeiro das institucións públicas, e a creación dun incipiente tecido empresarial, cunha importante compoñente de innovación e base tecnolóxica son puntos fortes da eurorrexión Galicia-norte de Portugal. Como consecuencia, os expertos do sector biotecnolóxico sinalan que se abren novos nichos de oportunidades laborais e a necesidade de profesionais cualificados no horizonte temporal de 2030, cun crecemento do emprego estimado nun 6% interanual.

Novos graos e mestrados neste eido

Como se pon de manifesto no libro branco, ante esta crecente demanda, haberá roles profesionais xa existentes que deberán adaptar as súas competencias ás novas demandas do mercado e xurdirán novos graos e mestrados especializados que xa se ofrecen en Galicia e o norte de Portugal, orientado á biofabricación e á enxeñería de tecidos.

O caso máis paradigmático é o Máster en Biofabricación impartido polas tres universidades galegas, ao que se suman outros títulos afíns que abordan estes contidos, como os mestrados en Enxeñaría Biomédica da Universidade do Minho e a Universidade Católica Portuguesa de Porto, e o Máster en Bioenxeñaría da Universidade do Porto.

No outro lado da balanza, a versión preliminar do documento establece que as boas previsións para o sector biotecnolóxico na eurorrexión poderían verse lastradas polas dificultades de acceso a financiamento, a falta de inversores privados, o tamaño do mercado, a normativa e o subdesenvolvemento do ecosistema biotecnolóxico.

Avances en proxectos

Durante a xornada celebrada este venres en Braga, os socios de Iberos+, de 17 grupos de investigación de universidades, institutos e fundacións de investigación e catro empresas innovadoras de Galicia e do norte de Portugal, tamén compartiron os avances nos seus proxectos científicos, con especial atención á bioimpresión 3D, os biomateriais avanzados, os órganos nun chip e os organoides.