A Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos fará lectura das súas propostas no vindeiro Pleno da Corporación Municipal o vindeiro luns.
O seu voceiro, Moisés Otazo, será o encargado de expor a situación de carestía que se dá no Concello de Gondomar e que afecta polo tanto á totalidade da veciñanza. Non só son afectados aqueles que carecen de conexión á rede de saneamento ou de auga municipal, «se non tamén o resto de veciños que sofren da contaminación das augas dos seus pozos ou dos ríos e regatos que gozan», sinala.
A cita será o vindeiro luns, 9 de setembro no Salón de Plenos do Concello (Biblioteca Pública de Gondomar) na rúa Manuel Alonso. O pleno dará comezo ás 10:00 horas, pero non será até media mañá cando se expoña a moción, aproximadamente sobre as 12:00 horas. Desde a Plataforma solicitan que toda a veciñanza acuda para apoiar a este movemento veciñal.
“Un Gondomar saneado é un ben para todos, non só para as vivendas que sofren esa carencia, tamén mellora a salubridade dos nosos ríos, e acuíferos”, indican desde a Plataforma.
