Os voceiros da Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos (PVGS) reuniuse este luns co equipo de Goberno local coa intención de obter información da situación actual do saneamento no municipio e as accións que teñen previsto acometer a corto e medio prazo.
A plataforma veciñal refire que a alcaldía manifestou non ter os datos sobre o número de vivendas con ou sen saneamento e que “o gran problema e a falta de financiamiento, a falta de apoio e a complexidade técnica da obra”. Os voceiros foron informados da intención da suba das taxas para poder manter un bo servizo.
Segundo os datos recabados pola Plataforma, o Concello de Gondomar recibiu máis de sete millóns de euros entre 2015 e 2024 do antigo Plan Concellos (agora Plan +Provincia), dos cales, aproximadamente, só medio millón de euros foi destinado á creación de novo saneamento. Unha inversión que apenas chega ao 7%.
Á Plataforma notificóuselle a realización dun estudo técnico sobre a situación do saneamento en todo o Concello e que en breves a encargada deste estudo así como a realización de novos proxectos de saneamento, recaerá na empresa que obteña a concesión. No pleno extraordinario do mes de setembro e grazas a abstención duns dos concelleiros do Partido Popular (rompendo a disciplina de voto) puido saír adiante a privatización do servizo do saneamento.
O servizo de baleirado de fosas sépticas solicitado pola plataforma e que xa fora aprobado con anterioridade en sesión plenaria por unanimidade está parado porque, segundo indican desde a Plataforma, “o goberno di ter impedimentos para redactar e por en marcha a ordenanza de regulamento deste servizo municipal pois non teñen autorización para baleirar nas depuradoras do Val Miñor e de ser en Vigo tería un custe sobrevalorado a maiores de non ter os medios necesarios”.
Outro tema sobre o que os voceiros insistiron foi a situación actual da depuradora de augas residuais de Gondomar, situada na Parroquia de Donas. O Goberno de Gondomar indicou ter prevista unha xuntanza o vindeiro 8 de outubro con Augas de Galicia para abordar a ampliación da depurada así como de outros proxectos (un tanque de tormentas, un tanque de sedimentos e a mellora da rede troncal) polo que a Plataforma seguirá traballando a prol da veciñanza e preparará unha nova xuntanza tanto co equipo de Goberno para o vindeiro mes como coa Deputación de Pontevedra.
