A plataforma veciñal reúnese en Santiago coa técnica directora de explotación da EDAR e con unha das técnicas de Idom, empresa encargada da asistencia técnica da depuradora de Gondomar, para coñecer a situación da EDAR de Gondomar. “O Goberno local tamén foi convidado a participar máis non apareceron na xuntanza” indican desde a PVGS.
A directora técnica informoulles que Augas de Galicia ten un convenio co concello de Gondomar onde están establecidas as responsabilidades de ambas partes, que se ciñe, para Augas de Galicia á explotación da depuradora e para o concello de Gondomar a responsabilidade de toda a rede de saneamento. “É traballo do Goberno local a posta en marcha do servizo de baleirado municipal de fosas sépticas mentres non se crea unha rede de saneamento”, defenden desde a Plataforma.
Nesta xuntanza os voceiros tiveron coñecemento de que o 80% dos usuarios que están a baleirar o contido das súas fosas sépticas na EDAR de Nigrán son veciños de Gondomar que é onde Augas de Galicia si lles está dando autorización. “Que Augas de Galicia non autorice o vertido na EDAR de Gondomar por estar sobrepasada non é un impedimento para que o Goberno local ofreza o servizo de baleirado á veciñanza. Poderíase seguir vertendo en Nigrán ou Tomiño mais o alcalde Paco Ferreira segue a expresar grandes dificuldades para polo en marcha”, din os voceiros da Plataforma.
Os voceiros viron confirmadas as súas sospeitas sobre o problema da infiltración de excesivas cantidades de augas limpas que non deberían entrar na depuradora. “Poderíase falar de que case o 50% do caudal que está recibindo a EDAR de Gondomar componse de augas pluviais e augas procedentes de rios e fontes. Augas de Galicia leva tempo facendo inspeccións en distintos puntos desta rede e pasando informes técnicos ao concello. Afirma que o goberno está enterado da problemática e da localización dos puntos máis conflictivos da rede”, informa un dos voceiros.
Desde a plataforma tamén preguntaron se se estaba baraxando algún proxecto de ampliación da EDAR. “Está aprobado un proxecto de ampliación, de 560m3/h a 800m3/h pero o efecto será limitado en tanto non se solucionen os importantes problemas da rede de saneamento, un traballo responsabilidade do concello ao que tería que estar dandolle prioridade como outros concellos que están na mesma situación mais a Xunta de Galicia tamén debería compremeterse ao apoio mediante orzamentos propios para estas situacións de carestía e de gran risco para o medio e a saúde pública”.
A Plataforma, como din os voceiros, seguirá dedicando os seus esforzos a loitar por un Gondomar limpo e con servizos de calidade que salvagarden a saúde das persoas.