A Concellería de Seguridade, Tráfico e Persoal, que dirixe Ismael Torrón, presentou onte no Concello de Tomiño, a campaña “Se bebes, non arrisques, fai a proba”, que se levará a cabo estes días de festa no Recinto do Alivio.
Paralelamente, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez, presentou a campaña “De troula con-sentido”, que procura conseguir unhas festas libres de violencia sexista. Ambos representantes do goberno local fixeron estas presentacións no transcurso dunha reunión celebrada no Concello e na que participaron ademais representantes da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e Comisión de Festas Virxe do Alivio.
Varias patrullas da Policía Local de Tomiño, realizarán controis voluntarios de alcoholemia durante as noites, xunto á capela do Alivio. Así o explicou o xefe da Policía Local, José Ramón Álvarez. Os controis poderán ser voluntarios, é dicir, a solicitude dos propios condutores que desexen coñecer a súa taxa de alcohol en sangre antes de coller o vehículo, pero tamén se realizarán de forma aleatoria, como o establece a lei neste tipo de eventos. O dispositivo de seguridade contará coa colaboración de membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tomiño e axentes do posto da Garda Civil.
O Concello de Tomiño recomenda non excederse no consumo de alcohol ás persoas que asistan ás festas patronais, lembrando a prohibición da venda a menores. Asemade, avoga por unhas festas máis respectuosas e en igualdade, nas que non se produzan nin toleren agresións sexistas nin calquera outro tipo de violencia.