Monte Aloia

200 persoas participarán este domingo, 16 de xullo, na primeira das rutas do programa “Depo Orienta” da Deputación de Pontevedra, que transcorrerá polo Monte Aloia de Tui con todas as prazas esgotadas. Esta iniciativa, que abre a posibilidade de experimentar o deporte da orientación en diferentes paraxes para gozar da natureza, enmárcase no programa “Depo Actívate”, co que a institución agrupa actividades encamiñadas a fomentar o deporte e o turismo deportivo e a difundir o patrimonio natural e cultural da provincia.

A actividade está dirixida ás persoas amantes dos deportes de natureza e aventura. Así, daranse cita persoas, grupos de amigas e amigos ou familias de calquera idade que deberán realizar no menor tempo posible e contra reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control, coa única axuda dun mapa. Nesta primeira actividade os e as participantes percorrerán o Monte Aloia, que se atopa no concello de Tui e está declarado parque natural. Este espazo conta con seis miradoiros, o que permite descubrir extraordinarias vistas sobre o río Miño, e está cheo de restos prehistóricos e romanos. A súa historia, ademais, inclúe distintas lendas, o que o converte nun marco inigualable para gozar desta experiencia.

A proba arranca en Casas Novas-Tui, a onde deberán desprazarse as e os participantes pola súa conta e onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e os mapas e o material necesario. A actividade poderase realizar de forma individual ou por equipos e é posible participar nunha das tres categorías existentes con diferentes nivel de dificultade: Xestiñas (para nenas e nenos acompañados dunha persoa adulta e duns 2 km de distancia), Xestas (para nenas e nenos maiores ou persoas adultas e poderase participar de xeito individual ou en grupo, cun percorrido duns 3 km de distancia) e Xesteiras (para nenas, nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación; poderase participar de xeito individual ou en grupo e cuns 4 km de distancia).