Mounqup

A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, incorpora á súa programación un concerto a cargo de Mounqup, o alter ego da francesa Camile Hédouin.

A súa música abrangue dende o pop comercial de Mariah Carey ata metal, grindcore, jazz, folk… concluíndo todo nunha personalísima proposta de corte electrónico e vangardista. O xoves 18 de xullo, e como actividade previa ao festival, o público poderá asistir ao concerto de Mounqup e gozar durante dúas horas dunha experiencia musical e gastronómica (que contará con degustación de produtos de Pan de Cea, de Ginger 43, de Licor 43 e do selo Galicia Calidade) a bordo dunha embarcación pola ría de Vigo nun traxecto que partirá dende Panxón e visitará as illas Cíes dende o Atlántico, a bordo dun catamarán.

Actividades paralelas para todos os públicos

O festival continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, obradoiros, presentacións de proxectos culturais, actividades marítimas… As actividades paralelas desta edición están lideradas por un bautismo de surf para nenos e nenas, en colaboración con La Conservera del Surf, o cambio de look gratuítoque a Barbería Derek Ivanich e Save the Sailor lle ofrecerán durante o festival a todo aquel que o desexe a través do seu novo proxecto “La Chabacana”, ou food trucks a cargo de La Pepita Burger Bar, ChacMool Taquería, Misco-Midas, Peaky Food Truck e Creperie La Bretonne.

Ademais, os asistentes tamén poderán gozar dunha ampla proposta de actividades deseñadas específicamente para os máis pequenos e pequenas da casa ao longo de todo o sábado 20 de xullo e concentradas, na súa maioría, nun horario de acceso gratuíto de 12h00 a 18h00. Ademais O recinto do festival contará  co seu xa habitual e exitoso concurso de debuxo, obradoiros de maquillaxe, construcción con bloques XXL, Pixel Art, Geomag, globoflexia, e o regreso do xornalista Javier Becerra -que xa nos acompañara na primeira edición do festival- para presentar o seu libro ¡Esto es pop! (Mont Ventoux). O xornalista estará acompañado pola música de Carolina Rubirosapara facer este percorrido pola historia da música popular dende Frank Sinatra a Beyoncé, pasando polos Rolling Stones, David Bowie, Patti Smith, Michael Jackson ou Nirvana.

Todo acontecerá nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.