A presenza do galego no eido da investigación e a ciencia é escaso e para mudar esa situación son precisas de medidas de apoio, fomento e impulso ao uso da lingua propia neste eido.

Entre outras iniciativas, a Universidade de Vigo conta cunha liña de axudas para redactar e defender en galego teses de doutoramento, traballos de fin de grao e de mestrado. Ao abeiro desta convocatoria, o curso pasado concedéronse 37 bolsas para traballos de fin de grao, 23 para traballos de fin de mestrado e catro para teses de doutoramento.

As persoas interesadas en concorrer a estas axudas impulsadas pola Área de Normalización Lingüística xa teñen aberto o prazo da nova convocatoria, para investigacións presentadas na Universidade de Vigo entre o 16 de setembro de 2024 e o 15 de setembro de 2025.

Como vén sendo habitual, quedan excluídos os traballos fin de grao de Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega); Tradución e Interpretación (galego-inglés) e Tradución e Interpretación (galego-francés).

En total repartiranse 12.000 euros, 600 euros para os autores e autoras das mellores teses e 150 para os TFG e os TFM. Trátase non só de incentivar o uso do galego nos traballos académicos, senón tamén de premiar o esforzo e o rigor de darlle un tratamento coidadoso á lingua incrementando así o patrimonio dos textos redactados.

Solicitudes en liña ata o 9 de outubro

As persoas interesadas en solicitar unha destas axudas poden facelo ata o vindeiro 9 de outubro a través dun formulario en liña dispoñible na sede electrónica da Universidade de Vigo, incluíndo unha declaración do seu director ou directora da tese ou do titor ou titora do TFG ou TFM que confirme que o traballo se redactou e se defendeu integramente en lingua galega, e unha copia en formato PDF do traballo ou enlace ao repositorio.