A Valedora do Pobo admite a trámite a denuncia que o Bloque Nacionalista Galego de Gondomar presentou o pasado mes de setembro contra goberno local, concretamente na figura do seu Alcalde, por non lle proporcionar información solicitada a respecto do servizo de saneamento.
A valedora entende que a denuncia ‘atopa cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución’, e considera que o «Goberno local podería estar actuando contra os principios de actuación das Administracións Públicas, polo que xa requiriu do Concello de Gondomar información sobre as razóns que motivan a queixa presentada polo Bloque», sinala Manuela Rodríguez.
A Portavoz Municipal do BNG de Gondomar, presentou a queixa debido a que esa obstrución no acceso á información e documentación solicitada, ademais de conculcar a obriga da administración local de fornecela, obstaculiza o normal traballo do grupo municipal do BNG na elaboración das súa salternativas e propostas.
Como primeira reacción ao requirimento da Valedora, “o Concello xa nos remitiu parte da información solicitada, algo que celebramos, pero seguen sen nos achegar a máis importante, a relacionada co deficiente servizo de saneamento”, lamenta Rodríguez. “Faltan os relativos ao número de vivendas con e sen servizo de saneamento por barrios e parroquias, e os proxectos, se os hai, para a dotación de saneamento novo con indicación da parroquia e número de vivendas por barrio ás que darán servizo”, indica.
Para o BNG o feito de que «o goberno de Ferreira agoche esa información é indicativo de que os datos non son bos, e mostralos deixaría en evidencia que a dotación do servizo non foi unha prioridade antes nin o está a ser agora”. Afirman que seguirán a insistir na solicitude de información porque “non é un capricho”, xa que os datos solicitados son clave para avaliar as necesidades e para determinar cales son as prioridades á hora de acometer un plan de actuación de cara a acadar o saneamento integral do concello.
