Na reunión celebrada no día de onte entre unha representación da veciñanza da rúa Baixo Muro e o BNG co alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e o concelleiro de obras, acadouse o compromiso  por parte destes, de licitar a urbanización da rúa Baixo Muro a principios de 2026.

A comisión veciñal trasladou tamén aos responsábeis municipais a necesidade de modificar ou ampliar aspectos do proxecto como que a nova pavimentación se prolongue ata o cruce coas escaleiras da rúa Colón; que se poña un redutor de presión na traída de augas para  impedir a rotura continuada das  tubaxes de auga no cruce das escaleiras coa rúa Baixo Muro; que en toda a obra nova se proceda a separación de fecais e pluviais; que se  canalice con aproveitamento, se tecnicamente é posíbel, as augas do pozo que verte na rúa do Tio Binito ou a modificación de pequenos detalles no mobiliario urbano previsto.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, felicitou a unidade veciñal que está facendo posíbel que esta vella reivindicación vaia camiño de materializarse nun breve período de tempo e anunciou que seguirán vixiantes para que a obra incorpore todos as demandas da veciñanza.