O PSdeG-PSOE de Oia denuncia publicamente a decisión da Xunta de Galicia de «rexeitar novamente a creación dun centro de día no municipio, unha infraestrutura considerada urxente e imprescindible para atender ás persoas maiores e dependentes da zona».
A resposta da Xunta, remitida polo Parlamento de Galicia a iniciativa da deputada socialista Elena Espinosa, confirma que “non existe previsión orzamentaria no 2026 para a construción dun centro de día en Oia” e remite ás instalacións supramunicipais existentes en Tomiño, asegurando que ese centro “da servizo á comarca do Baixo Miño”.
Porén, o centro de día de Tomiño «non dispón de prazas vacantes, polo que non pode dar resposta á necesidade real da veciñanza de Oia nin á crecente demanda derivada do acelerado avellentamento da súa poboación». O municipio conta con arredor de 3.000 habitantes, dos cales «máis dun terzo supera os 65 anos, unha realidade que fai totalmente insuficiente a derivación a outros concellos».
“É intolerable: Oia leva anos esperando e a Xunta mira para outro lado”
Desde a agrupación local do PSdeG-PSOE cualifican a situación de “intolerable e discriminatoria”, lembrando que:
- O centro de día foi solicitado xa en 2024 para os Orzamentos da Xunta.
- A iniciativa foi rexistrada no Parlamento pola deputada Elena Espinosa a petición expresa da agrupación local.
- A demanda veciñal e os informes sociais evidencian unha necesidade estrutural e non adiable.
- O abandono da Xunta deixa ás familias sen alternativas e obrígaas a desprazamentos longos, custosos e moitas veces inviables.
“Oia non pode seguir sendo un concello de segunda. As persoas maiores merecen coidados dignos preto das súas casas, non listas de espera interminables nin derivacións a centros saturados”, asegura o grupo municipal socialista.
O PSdeG-PSOE esixe rectificación inmediata
A formación socialista reclama que a Xunta:
- Inclúa unha partida específica nos Orzamentos 2026 para o inicio do proxecto.
- Aprobe unha ubicación céntrica no municipio que garanta accesibilidade e equidade territorial.
- Presente un calendario realista para a construción e posta en marcha do centro de día.
- Poña fin a unha política de “abandono sistemático” dos concellos rurais e de menor poboación.
“Non estamos pedindo un luxo; estamos reclamando o mínimo que merece a nosa xente maior: un recurso esencial, equivalente ao que teñen outros concellos da comarca”, destacan.
Compromiso coa veciñanza
O PSdeG-PSOE de Oia anuncia que continuará levando esta reivindicación a todas as institucións, incluído o Parlamento galego, e que intensificará as accións sociais e informativas para reclamar un servizo que consideran “de xustiza e de absoluta necesidade pública”.
