Un total de 27 embarcacións, de 4x e 8+, de 14 clubs galegos e portugueses participarán este sábado na XLIII Regata Miño Internacional. A proba está organizada polo Club Remo do Miño, en colaboración co Concello de Tui, co Deporte Galego da Xunta de Galicia, coa Deputación de Pontevedra e coa Federación Galega de Remo.

A casa do concello de Tui acolleu esta mañá a presentación da proba que correu a cargo  do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, do director técnico da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, do presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, e da tesoureira, Aurea Gil.

A Regata Miño Internacional sairá este sábado, 20 de xaneiro, ás 11 h dende Currás para realizar un percorrido de 6 quilómetros até a liña de meta fronte á rúa Olímpicos Tudenses, onde está situado o Centro Municipal de Remo. Participarán un total de 27 embarcación de 14 clubs. Serán os galegos Remo do Miño, Remo Tui, Club Remo Vigo, Ría de Marín, Remo Chapela, Club Mar de Noia, Club Remo San Felipe, Cabo de Cruz, e os portugueses Clube Fluvial Vilacondense, Viana Remadores do Lima, Sporting Clube Caminhense, ADCJC Remo Cerveira, xunto ás embarcacións mixtas do Remo do Miño- Cabo Cruz- Marín-Caminha, e o Coruxo-Ría de Marín. En 4X haberá 9 embarcacións masculinas e 7 femininas. En 8+ competirán 7 barcos na categoría masculina e 2 na feminina, e tamén participarán 2 barcos 8+ veteranos masculinos. A saída farase por tandas de cinco embarcacións comezando polos 4x.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou ao Club Remo do Miño polo seu 50 aniversario, agradecéndolles o traballo realizado “para que o remo sexa unha referencia deportiva histórica neste concello”. Engadiu que “os deportes de río son unha das sinais de identidade de Tui. Tui é unha potencia en remo, e é algo do que nos sentimos orgullosos”.  Tamén destacou o rexedor tudense coma a Regata Miño Internacional é unha proba histórica no amplo calendario deportivo tudense, ao tempo que agradeceu a colaboración doutras institucións, coma a Xunta e a Deputación, neste evento. Rematou a súa intervención o alcalde de Tui asumindo o compromiso de “seguir mellorando o Centro Municipal de Remo e o seu entorno”.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou na súa intervención o agradecemento ao presidente e á directiva do Club Remo do Miño “por esta proba espectacular”, ao tempo que convidou ao público a achegarse á beira do río para presenciar esta regata.

Manuel Ángel González, o presidente do Club Remo do Miño destacou que a Regata Miño Internacional “debe ser a proba máis antiga destas características que se celebra na península ibérica”. Salientou que polo tipo de adestramento que nestes momentos realizan os clubs esta proba é moi interesante, engadindo que polas características do río Miño tamén é a máis axeitada. Amosou a súa satisfacción por “como vai transcorrendo ano a ano”. Manuel Ángel González salientou por outra parte coma con esta regata comezan a celebración do 50 aniversario do club.

A tesoureira, Aurea Gil, destacaba coma as remeiras foron gañando protagonismo nesta proba, con maior participación ano a ano, ao que o presidente do Club engadía que na actualidade no club xa teñen máis fichas de deportistas femininas que masculinos.

O director técnico da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, destacou o apoio da Federación a esta proba salientando que “a nivel deportivo é unha regata moi interesante”. Referiuse á dificultade para formar unha embarcación de 8 – coma tamén antes o fixera o presidente do Remo do Miño – polo que dicía “é de valorar o que se está conseguindo”.  Tamén quixo destacar que “que o club cumpra 50 anos e organice unha regata que celebra a súa 43 edición sendo un referente nacional e internacional». Agradeceu a colaboración do Remo do Miño tanto na organización da regata coma na colaboración para acoller en Tui concentracións da Selección Galega de Remo, coma as que tiveron lugar na primeira semana do ano. O propio Juan Zunzunegui competirá este sábado na Miño Internacional.