A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación dunha nova campaña de Nadal para dinamizar o comercio de proximidade, apoiada pola Consellería de Emprego Comercio e Emigración e organizada pola asociación de comerciantes de As Travesas co obxectivo de fomentar o comercio local de cara a estas datas.
A representante autonómica salientou a importancia deste tipo de accións de dinamización para dar vida aos barrios da cidade e impulsar as vendas de Nadal no comercio de proximidade. A iniciativa posta en marcha polo Centro Comercial Aberto de As Travesas (Aetravi) comezará este 12 de decembro e remata o vindeiro 5 de xaneiro de 2025 coa participación dun total de 117 establecementos que xa están adheridos.
Entre todas as persoas que fagan compras por valor de 20 euros sortearanse cinco experiencias spa para 10 persoas no Hotel Nagari de Vigo con todos os gastos incluídos. O premio consiste nunha noite para dúas persoas con aloxamento dobre.
A delegada da Xunta lembrou que sigue aberto o proceso participativo do novo Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 e convidou a que todos os axentes implicados sigan facendo as súas achegas.
Asemade, remarcou que a dixitalización, as ferramentas tecnolóxicas e as novas canles de difusión ofrecen ao comercio opcións innovadoras para incentivar as vendas e conectar cos consumidores, destacando como exemplo o uso dunha aplicación para validar os tickets de compra ou a amplificación do concurso a través das redes sociais como elementos diferenciais polos que aposta esta campaña.
Ana Ortiz destacou a relevancia do comercio na xeración de emprego e na dinamización das economías locais, como parte fundamental do crecemento económico e social de Galicia, e puxo o foco no labor fundamental que xogan as asociacións e centros comerciais abertos na difusión e promoción do sector en vilas e cidades.