O Goberno galego apoiará aos 5 concellos da comarca do Baixo Miño coa contratación de 27 perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). Para iso, investirá ao redor de 272.500 euros.
Tal e como explicou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, estas axudas están dirixidas a concellos ou agrupacións de concellos coas que, ademais de promover a contratación na Administración local, búscase incrementar as oportunidades laborais das persoas en risco de exclusión social.
O importe medio da axuda concedida por traballador é de 8.747 euros, case un 4% máis que o ano pasado. Na contratación terán preferencia, ao igual que nas últimas dúas edicións deste programa, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.
Na comarca do Baixo MIño, beneficiaranse 10 desempregados de Tui, que contará cunha subvención de 103.260 euros; 5 de Tomiño, 5 do Rosal e 5 da Guarda, con 51.723, 52.095 e 48.502 euros, respectivamente; e 2 de Oia, con 16.774 euros.
José Manuel Cores Tourís engadiu que «a Xunta ampliará nas próximas semanas o crédito para esta convocatoria de axudas co obxectivo de poder atender todas as solicitudes que cumpran cos requisitos”. Segundo os baremos que se marcan na orde, cada concello pode solicitar un mínimo de 2 traballadores e un máximo de 40.