A conselleira de Política Social, Fabiola García, trasladoulle esta tarde ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, que a Xunta de Galicia construirá unha nova escola infantil neste concello, dotada con tres unidades e 41 prazas. Fíxoo durante unha reunión que mantivo con este rexedor en San Caetano.
Fabiola García explicoulle a Antonio Lomba durante o transcurso do encontro que a Administración autonómica achegará 410.000 euros para a construción da futura escola, así como o necesario para o equipamento.
O Concello sufragará os fondos restantes ata os 690.000 euros que custa erixir a escola infantil, que se integrará na rede pública autonómica Galiña Azul. Para fixar o cofinanciamento da construción será necesario formalizar un convenio entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o ente local.