A Xunta de Galicia salienta que a maior parte dos traballos que estaban previstos na estrada autonómica entre Gondomar e A Ramallosa están concluídos e os seus resultados xa en servizo. Os veciños e visitantes da zona veñen beneficiándose desde hai meses dunha mellora subtancial da seguridade viaria nese treito de case 4 quilómetros da PO-340, no que a Xunta inviste 3,2 millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, como responsable da actuación mantén activas as xestións necesarias coas empresas de servizos afectados responsables para que faciliten canto antes a finalización dos traballos. Como é habitual nas obras públicas impulsadas por calquera administración, no caso da PO-304, a finalización está pendente da retirada e retranqueo de varios postes, para, fundamentalmente, pór en servizo a glorieta prevista.
A Xunta solicítalle ao alcalde de Gondomar que asuma as súas propias responsabilidades e centre os seus esforzos en facilitar os investimentos da Administración autonómica no seu municipio, que atopan con frecuencia dificultades, como aconteceu coas obras de saneamento anuladas, o retraso nas acometidas do centro de saúde construído polo Goberno galego ou as trabas ás obras de seguridade viaria na PO-301.