A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 28 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca do Baixo Miño de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen destacou que se trata dunha oferta de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para traballadores e traballadoras sen emprego.

Cores Tourís informou de que nestes cursos invístense 20,4 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos cales, 1,2 millóns euros corresponden á comarca do Baixo Miño.

Na comarca do Baixo Miño están programados 28 cursos, un deles organizado polo concello do Rosal e o resto por 3 empresas e entidades sen ánimo de lucro.

Nesta área os cursos estarán centrados no eido educativo, compravenda internacional, soldadura, xestión de almacéns, creación de microempresas, servizos administrativos e dinamización comunitaria. O alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego Emprego Xunta.

Tamén terá por primeira vez a posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que a Xunta apoia ao 100%. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.