A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o proxecto definitivo de mellora da seguridade viaria na PO-552, tras recoller as alegacións presentadas polo municipio.
O xefe territorial deste departamento na provincia, José Luis Díez, e o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez, mantiveron un encontro na casa do concello onde se lle trasladou os cambios realizados ao longo do proxecto para adaptalo ás demandas do municipio.
Tamén se lle informou da publicación no DOG da declaración de utilidade pública deste proxecto, así como da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados tanto nos concellos de Tui como no de Tomiño.
Estas actuacións permitirán mellorar de forma inmediata a seguridade viaria, mentres se avanza nos traballos de treitos pendentes da Vía de Altas Prestacións entre Tui e a Guarda.
As actuacións previstas desenvolveranse no tramo comprendido entre a glorieta do acceso a Figueiró e a parroquia de Sobrada, e consistirán na mellora da intersección no p.q. 60+350, na marxe esquerda, mellora na intersección p.q. 60+470, na marxe dereita, e a mellora da intersección no p.q. 60+510, na marxe esquerda, no lugar de Vilar de Matos.
Ademais, no p.q. 60+600 a intersección actual transformarase nunha glorieta que dará acceso á PO-344, de acceso ao núcleo de Tomiño.
Así mesmo, efectuarase a mellora da intersección do p.q. 69+150 na intersección a Dorrada, ampliando o carril central de espera para os xiros á esquerda; executaranse cuñas para o cambio de velocidade nas interseccións de maior tráfico, para facilitar as saídas da estrada ou ás incorporacións a ela e tamén vías de servizo en varios treitos para canalizar os accesos, permitindo os xiros en puntos mais seguros.
Finalmente, tamén se realizará unha glorieta na intersección do p.q. 71+000 para a mellora da seguridade viaria no cruce coa PO-350 (Areas-Tomiño).