A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia desenvolverán nos meses de outubro e novembro “Camiño A Dentro”, un novidoso proxecto cultural con dez accións artísticas en distintos concellos da provincia polos que pasa o Camiño Portugués ou o Camiño Portugués pola Costa.

Todos os eventos correrán a cargo de mulleres artistas de recoñecida traxectoria e inclúen dende música en vivo, poesía e teatro a instalacións artísticas, videocreacións, ilustración e fotografía. Os actos desta iniciativa, desenvolvida a través de Turismo Rías Baixas e enmarcada no programa O Teu Xacobeo, empezarán en Baiona o día 3 de outubro e rematarán o día 25 en Soutomaior. No mes de novembro terá lugar a presentación do catálogo do proxecto.

“Camiño A Dentro” ten como obxectivo pór en valor o Camiño dende unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar o encontro coa comunidade local e os peregrinos. O programa arranca nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona o día 3 e continuará nos días seguintes sucesivamente en Redondela, Caldas de Reis, O Porriño, Oia, A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior.

O proxecto conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa “Mulleres en Acción.Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra.

O Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinos en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño pola Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda ata Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de peregrinos, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.

“Camiño A Dentro” afondará, cunha ollada cultural, na relación entre Camiño e territorio e na interacción entre a veciñanza e os peregrinos.