A Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega á súa décimo sexta edición cun obxectivo claro: apostar pola profesionalización do sector abordándoa dun xeito transfronteirizo. Por este motivo, a Asociación Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño en colaboración coa Eurocidade Cerveira-Tomiño desenvolverán durante a Mostra unha programación con contido específico transfronteirizo que terá como acción principal un workshop sobre ‘Oportunidades de formación e emprego no agro’ que contará coa colaboración de empresas e centros educativos de Galicia e do norte de Portugal.
Este workshop servirá para facer unha diagnose das necesidades formativas do sector, así como para informar ás empresas das modalidade formativas xa existentes a ambas beiras do río Miño, promovendo fórmulas para unha relación estable entre empresas e docentes e presentando a Bolsa de emprego agraria transfronteiriza. Ademais, esta actividade contará cunha xornada técnica sobre ‘O agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo’.
Para participar neste workshop, que se celebrará o 15 e 16 de marzo, é necesario facer inscrición previa a través do seguinte enlace: cort.as/-F18W.
A programación transfronteiriza completarase coa presentación da misión comercial inversa transfronteiriza que se está a organizar co obxectivo de facilitar a materialización de relacións comerciais coas empresas do sector agrícola do norte de Portugal e do Baixo Miño.
Unha Mostra para todos os públicos
A XV Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrarase do 15 ao 17 de marzo no pavillón municipal de Goián, organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño. O eixo central desta nova edición xirará arredor do sector agrario no Baixo Miño como modelo de desenvolvemento sostible do territorio. “A situación actual do agro evidencia a necesidade de poñer en valor o sector, traballando nos conceptos de sustentabilidade social e ambiental, na colaboración e cooperación entre os diferentes grupos de interese, no diálogo, na implicación social e na veciñanza”, sinala a presidenta de acuBam, Patricia Rogríguez.
Serán tres días repletos de actividades divulgativas dirixidas a profesionais e a público xeral, con actividades pensadas tamén para desfrutar en familia. Así, por exemplo, o domingo 16 o chef Iván Méndez ensinará como preparar produtos do país con dous showcooking (un para cativos e cativas -12.30 h- e outro para adultos -17.30 h-), mentres que os nenos e nenas poderán desfrutar dunha xornada chea de xogos e talleres cunha temática vencellada principalmente aos cultivos e á froita (de 11 a 19 h). Tamén haberá un taller de plantación no stand do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, que permitirá ás persoas participantes levarse a casa a súa propia planta, ou un obradoiro de purín de ortigas como ferramenta ecolóxica para a horta.
Ademais, desde o compromiso social e a través da colaboración con San Xerome Emiliani, o público poderá comprar durante sábado e domingo produtos agrarios doados polos produtores no stand da asociación. A recadación irá destinada integramente á rehabilitación das instalacións nas que esta entidade produce a camelia do té.
32 expositores e máis de 15 actividades
A 16ª Mostra de Cultivos conta esta edición cun amplo programa de actividade e con 32 expositores que amosarán as súas novidades ao público asistente. Así, o futuro chegará un ano máis da man de Acubam Innovación, un certame que chega á súa cuarta edición recollendo innovacións tecnolóxicas aplicables a calquera elo da cadea de valor do agro na comarca e que este ano amosará importantes novidades no sector.
Por outra banda, durante a Mostra darase a coñecer o gañador ou gañadora dos Premios Xardín Galego, posto en marcha o ano pasado por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) co obxectivo de dignificar e promocionar o sector da xardinería en Galicia.
Ademais, o público poderá asistir a calquera das catro mesas técnicas organizadas para a ocasión, na que se tratarán dende as cubertas axardinadas e a xardinería vertical, o agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo ou técnicas de control de impacto da vespa velutina na contorna ata o tema da auga no rural.
Ao longo dos tres días que dura a mostra, o público tamén poderá desfrutar dunha exposición de arte do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais que amosarán as súas obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.