ABANCA e a Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) veñen de renovar o seu convenio de colaboración, que dá resposta ás demandas do sector na localidade. O documento recolle unha oferta financeira con importantes vantaxes creada especificamente para este colectivo.

O presidente dos palangreiros guardeses, Joaquín Cadilla, e o director de zona de ABANCA en Condado/Baixomiño, Martín Blanco, renovaron hoxe un acordo que evidencia o compromiso de ABANCA coa pesca e co tecido produtivo galego.

O convenio pretende servir de axuda aos mariñeiros desta variedade na Guarda para afrontar novos períodos de estacionalidade e a falta de capturas. Deste xeito, ABANCA pon a disposición deste colectivo unha póliza de crédito específica, con xuros moi baixos, pensada para facer fronte á falta puntual de ingresos. Os profesionais poderán cancelar o produto no momento que perciban as subvencións ou prestacións polo paro biolóxico.

Os palangreiros tamén terán á súa disposición toda a oferta específica que o banco habilita para o sector pesqueiro, como préstamos persoais sen comisións de estudo, amortización e cancelación anticipada, liñas de comercio exterior, anticipos, leasing mobiliario, avais ou desconto comercial. Do mesmo xeito, ABANCA ofrece aos pescadores cobertura de prezos sobre gasóleo, que permite fixar ou limitar o prezos futuros do gasóleo, eliminando a incerteza do mercado e o risco de subida de prezos.

O protocolo tamén pon a disposición destes profesionais liñas de financiamento especial gracias ao Plan Activamos. Así, os interesados poderán dirixirse ás oficinas de ABANCA para solicitar información e financiamento, a través desta liña aberta polo banco e a Deputación de Pontevedra.

Do mesmo xeito, estes mariñeiros da Guarda poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e IGAPE, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo. Así mesmo, poderán beneficiarse das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento de contas e tarxetas, polas transferencias, o ingreso de cheques ou outros servizos habituais.

ABANCA, co ánimo de optimizar a calidade do servizo que se presta aos asociados e dar unha atención máis personalizada a este colectivo, poñerá a disposición dos palangreiros persoal especializado en xestión de seguros, quen informará das pólizas que mellor se adapte ás necesidades de cada asociado.

Este acordo únese a outros asinados por ABANCA nos últimos anos con diversas organizacións do sector pesqueiro galego e fortalece o compromiso do banco coas comarcas costeiras. Un apoio que se viu reforzado en 2016 cando o banco creou ABANCA Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva.