O vindeiro domingo día 5 de agosto, A Guarda acolle a segunda das actividades de Monumenta Galicia para o 2018 «Os alicerces da botánica e a meteoroloxía galegas: da Pasaxe á Guarda co pai Baltasar Merino», unha actividade cultural e deportiva na que se percorrerán un total de 5,5 km dende a Estación Marítima da Guarda.

Á descuberta do patrimonio

No último cuarto do século XIX o burgalés Baltasar Merino, xesuíta, chega a Galicia para impartir docencia no colexio da Pasaxe en Camposancos(A Guarda) e atenuar as súas doenzas físicas nas bondades do noso clima. Desde este lugar, a lombo de equinos, viaxou por Galicia nun percorrido que lle permitiu descubrir e sistematizar gran parte da súa vexetación, do cal xurdiu, en 1905, a Flora descritiva e ilustrada de Galicia, unha obra aínda en vixencia un século despois. Preocupado polos perigos dos temporais para a vida da xente do mar, foi pioneiro na aplicación dos coñecementos meteorolóxicos á predición do tempo e á salvagarda dos pescadores.

Monumenta divulga

Tomando como referencia o pioneiro labor científico de Merino como botánico e meteorólogo, e analizando a importancia da súa obra para Galicia e para a ciencia de inicios do século xx, abordaremos os distintos ambientes ecolóxicos deste sector da costa galega a través da distribución das súas plantas. Ensinaremos como se fan inventarios e transeptos de vexetación, así como técnicas básicas de herborización. Observaremos as nubes e valoraremos as súas características cara á predición do tempo. Non deixaremos de lado a presentación doutros valores da zona como os arqueolóxicos, etnográficos e de aproveitamento protoindustrial do patrimonio natural.

Monumenta escoita

MJ Pérez é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de dous discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora presenta Casandra. Trátase do terceiro disco, e o primeiro de estudio, da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.

Prazas limitadas a 90 persoas. Admisión por orde de inscrición. Inscricións abertas dende o Luns 30 de xullo. Máis información en:Monumenta Galicia