Este luns abrirá as súas portas en Tomiño o ximnasio «MeuFit», un modelo de xestión diferente para a empresa «Máis que Auga», que nesta ocasión aposta por un ximnasio de proximidade, moderno e tecnolóxico, nunha poboación máis pequena.

O novo gym, que foi completamente reformado a nivel de instalación e dotado de equipamento de última xeración, está ubicado no mesmo centro de Tomiño e conta con moi boas comunicacións o que lle permite ter un área de influencia duns 25.000 habitantes.

Isto puido apreciarse na apertura das inscricións, con presenza de xente de Tomiño, Tui, A Guarda, O Rosal e Portugal (Vilanova de Cerveira, principalmente). Nestas primeiras horas houbo un gran movemento e xa se superaron os 200 socios que tiñan promoción, polo que amplíase a oferta (matrícula gratis) en 100 prazas máis, debido á gran demanda existente. MeuFit Tomiño ten unha previsión de socios/as de 500 a 700.

O investimento realizado foi de case 400.000 euros e o centro contratou a 5 técnicos deportivos (licenciados ou técnicos superiores) da zona do Baixo Miño. Son 1.000 metros cadrados adicados ao deporte, con dúas salas para actividades (unha delas para spinning) e unha gran sala fitness con zona de cardio, forza, boxeo, funcional…

MeuFit conta con varias empresas de referencia: Precor (en equipamentos deportivos), Sport Consulting (CRM e bases de datos), Trainingym (software deportivo) e Les Mills e Telegim (como plataformas virtuais).  

A filosofía de MeuFit

MeuFit nace cun concepto de proximidade, no que un mixto de atención personalizada e virtual permítenos abrir 18 horas ao día, nun centro no que a tecnoloxía mellora a experiencia do usuario. Os técnicos deportivos estarán 10 horas ao día impartindo clases e asesorando aos clientes nas súas necesidades, pero nos outros horarios, a posibilidade de ter plataformas virtuais danos a opción de ofrecer unha ampla variedade de estímulos para as e os seus clientes. Desta forma haberá varias zonas denominadas córners (boxing fit, funcional fit, bike fit, andaina fit e les mills fit) nas que os usuarios/as poderán realizar actividades a través das plataformas, sen a necesidade dun monitor, pero cun incentivo para realizar deporte.

«Máis que Auga» aposta nesta ocasión por un modelo moi diferente ao que ten en marcha en Vigo, pero coa mesma ilusión e a experiencia destes case dez anos nun sector que non deixa de crecer e cambiar. Este primeiro centro MeuFit é un proxecto exportable para poboacións de entre 20 e 25.000 habitantes ou para grandes cidades como Vigo e xa se comezou a buscar novas ubicacións para outros posibles centros.

Vídeo publicitario: Abre as portas en Tomiño “MeuFit”, o novo modelo de ximnasio de "Máis que Auga".

Publicada por telemariñas en Martes, 3 de diciembre de 2019