ARCHIVO

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución cos centros que van desenvolver o programa Radio na Biblio ao longo do curso 2019/20.

En total serán 80 os centros públicos de toda Galicia – 30 deles de nova incorporación- que participen nesta iniciativa, que ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar. Na provincia de Pontevedra incorpóranse ao programa 12 centros e outros 22 renovan a súa participación ( catro no Baixo Miño, ningunha no Val Miñor).

Nova incorporación

Os centros de nova incorporación recibirán fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio. Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.

A seguinte táboa reflicte os centros de nova incorporación no Baixo Miño:

  • CRA Mestra Clara Torres de Tui.

Pola súa banda os centros que continúan no programa recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

Os centros que renovan a súa participación no Baixo Miño son os reflectidos na seguinte táboa:

  • CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal.
  • CEP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño.
  • CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui.

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe.

Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia cos centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.