A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a obra de mellora do acceso á praia do Muíño de A Guarda á empresa Marconsa S.L. O orzamento de adxudicación foi finalmente de 168.287,34 euros, o que supón un 12,44 % de baixa con respecto á licitación, segundo informou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e AECT Rio Minho, Uxío Benítez.
Un total de 16 empresas presentaron ofertas para a execución destas obras de mellora e recuperación do acceso á praia do Muíño da Guarda, que conectará os sendeiros marítimo e fluvial que rematan no areal. A actuación forma parte do proxecto de cooperación europea ‘Visit Rio Miño’, de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, do que a Deputación provincial é socia.
As actuacións permitirán por un lado a recuperación da contorna, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía. O proxecto de mellora e recuperación do acceso ao areal inclúe a construción dunha rotonda cunha zona de carga e descarga, a creación dunha parada de bus, a ampliación das entradas ao areal e a rexeneración da praia mediante o retranqueo do muro de contención existente.